Vila Nova de Gaia demostra a vixencia da mensaxe de Zeca Afonso
Máis dun cento de colectivos galegos e portugueses uníronse para pór en marcha o proxecto 80 anos de Zeca Afonso. Ata o 1 de agosto de 2010 desenvolveranse toda unha serie de variadas actividades que contan co obxectivo común de homenaxear ao cantautor portugués. Unha desas propostas celebrarase a vindeira semana, o venres 6 de novembro, en Vilanova de Gaia, onde actuarán os músicos José Luís Guimares, José Silva, Tino Flores e Ana Ribeiro. Esta última artista pasou polos micrófonos de Radiofusiòn e destacou que “as mensaxes do Zeca son cada vez máis importantes”.
Segundo as palabras de Ana Ribeiro, ao tributo do día 6 acáelle mellor a denominación de “sesión de intervención” que a de “concerto”. Parafraseando a José Mário Branco, a cantante portuguesa defendeu en Radiofusiòn que “a cantiga é unha arma” e, como tal, conta cun gran poder de mobilización social.
O programa 80 anos de Zeca Afonso atópase aberto á participación. Todos aqueles colectivos que queiran adherirse ao proxecto ou promover iniciativas relacionadas co cantautor portugués poden facelo a través do blog 80anosdezeca.blogspot.com.
Ouvir entrevista de Elena Dopico a Ana Ribeiro en Radiofusión