50 anos de Grândola
O 10 de maio de 1972 no pavillón do comedor do complexo do Burgo, un grupo de estudantes da USC organizou o concerto no que o cantautor portugués Zeca Afonso interpretou, por primeira vez en público, a canción ‘Grândola, Vila Morena’, emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa. Cincuenta anos despois, os acordes deste tema volverán soar na USC grazas ao acto conmemorativo que o vindeiro martes 10 de maio acollerá o Auditorio da Facultade de Filoloxía a partir das 19.00 horas.